You can replace this text by going to "Layout" and then "Page Elements" section. Edit " About "

martes, 19 de septiembre de 2017

Santiago celebra a Semana da Mobilidade

Santiago celebra a Semana da Mobilidade para "avogar por unha cidade máis accesible e inclusiva"

Compartimos a nota oficial do Concello, en vermello os actos organizados por Composcleta:

19/09/2017 Santiago vai celebrar a Semana Europea da Mobilidade cun amplo programa de actividades que se vai desenvolver do 20 de setembro ao 1 de outubro. O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda, Mobilidade e Relacións Veciñais, Jorge Duarte, presentou hoxe o calendario de accións, que "teñen como obxectivo sensibilizar á cidadanía sobre o reto de construírmos colectivamente unha cidade accesible, inclusiva, respectuosa co medio, próxima e saudable". O edil estivo acompañado por Diego Cidrás, representante de Greenpeace; Faustino Gómez, de Composcleta, e Susi Pérez, de Amico, entidades que colaboran nas distintas actividades.

A celebración da Semana da Mobilidade comezará o mércores 20, coa proxección do documental Bikes vs Cars no Museo da Cidade, na praza de Praterías. Trátase dun filme, dirixido polo sueco Fredrik Gertten, que mostra como activistas e pensadores de todo o mundo se organizan para conseguir cidades máis sustentables e utilizan a bicicleta como arma para iso, enfrontándose á poderosa industria automobilística. A proxección será a partir das 20:00 horas e, despois de ver o documental, haberá un coloquio sobre o modelo de cidade.

Día Internacional sen Coches e Día da Bicicleta
Santiago tamén celebrará o Día Internacional sen Coches, o 22 de setembro. O uso do transporte urbano será gratuíto ao longo de toda a xornada, e tamén haberá empréstito de bicicletas dende os dous aparcamentos disuasorios de Meixonfrío e Santa Marta e dende a estación de autobuses. Jorge Duarte mostrouse convencido de que este día será "unha boa oportunidade para coñecer a rede de transporte urbano e ver que pode responder ás necesidades da maioría da veciñanza".

Para o sábado 23 está prevista a celebración dunha pedalada dende a Alameda ata o Milladoiro, e regreso ata Conxo. Alí organizarase un picnic de convivencia. O roteiro está organizado por Composcleta e comezará ás once da mañá. O obxectivo é, segundo apuntou Faustino Gómez, mostrar que "os deseños urbanos non tiveron nunca en conta que existe outros modelos de mobilidade máis alá do coche".

Tamén no sábado 23, a partir das cinco da tarde celebrarase unha actividade dirixida aos nenos e nenas, vinculada ao programa Compostela Territorio Xogantín. Será na praza 8 de Marzo, a partir das cinco da tarde. A acción "A rúa é nosa" pretende animar os nenos e nenas a xogaren na rúa, porque "teñen que experimentar e gozar do contorno, tal e como defende Francesco Tonucci no seu libro A Cidade dos Nenos.

A bicicleta será a protagonista das actividades previstas para o domingo 24 de setembro, que terán como epicentro a rúa da Virxe da Cerca. Haberá unha pedalada urbana por un circuíto de algo máis de  6 quilómetros, un paseo xincana para cadeiras de rodas e de nenos polas beirarruas, bicixogos, e mesmo unha sesión vermú. O programa desta xornada conta tamén coa colaboración da asociación Composcleta.
O concelleiro recordou "a clara aposta que vén facendo o Goberno pola bicicleta, traducida en medidas como a instalación de máis aparcabicicletas e a sinalización das plataformas avanzadas para este tipo de vehículo nalgúns semáforos da cidade". Jorge Duarte fixo un chamamento á veciñanza a participar neste Día da Bicicleta e "mostrar que este é un medio de transporte que pode ser utilizado de forma continua".

Mobilidade eléctrica e accesibilidade
Na axenda da Semana Europea da Mobilidade para o luns 25 ,as 20:00 outra proxección no Museo da Cidade, seguida por un coloquio sobre o urbanismo dende unha perspectiva de xénero. Desta vez poderase ver Wadja, a bicicleta verde, a primeira película filmada por completo en Arabia Saudí e dirixida por unha muller, Haifaa Al-Mansour. Nela móstranse algúns dos aspectos máis conservadores da sociedade saudita, en especial os que coartan a liberdade da muller na súa educación e nas súas liberdades. Faise a través da sinxela historia dunha nena, Wadja, que se encapricha dunha bicicleta para competir nunha carreira, e que se ten que enfrontar a toda a sociedade que entende que as bicis atentan contra a dignidade feminina.

O martes 26 será o Día da Mobilidade Eléctrica. Na Alameda haberá unha exposición de vehículos eléctricos que se poderá visitar de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas. Jorge Duarte lembrou o compromiso do Goberno local no fomento deste tipo de vehículos, posto que "entendemos que son fundamentais para conseguir o obxectivo de reducir á metade a emisión de gases de efecto invernadoiro en 2030".

Ao día seguinte, mércores 27, celebrarase o Día da Accesibilidade, en colaboración con Cogami, e baixo o lema "Ponte no meu lugar". A actividade central será un percorrido en cadeira de rodas pola cidade, que terá a súa saída na Carreira do Conde. Susi Pérez indicou que esta actividade "dálle visibilidade ás dificultades ás que se enfrontan a diario persoas con mobilidade reducida nas rúas de Compostela, mesmo nas máis céntricas e reurbanizadas". O concelleiro de Mobilidade salientou que "o roteiro tamén permitirá facer unha comparativa entre a rúa de Montero Ríos, que se reurbanizou baixo estritos criterios de accesibilidade, e outros puntos da cidade".

Os percorridos en cadeira de rodas completaranse, ao día seguinte, coa proxección da película Intocable no Museo da Cidade, ás 20:00, seguida dun coloquio sobre accesibilidade universal.

Parking Day e mobilidade peonil
No venres 29 celebrarase o Parking Day, en colaboración con Greenpeace. Trátase dunha actividade que se estreou o ano pasado en Santiago e que pretende denunciar que "máis do 60% do espazo das cidades está reservado para a circulación de vehículos ou o seu aparcamento". Diego Cidrás indicou que se pretende mostrar "o espazo que se gañaría para as persoas se as rúas das cidades non tiveran que ser reservadas para o depósito de vehículos". Será na rúa de Doutor Teixeiro, a partir das cinco da tarde.

As actividades da Semana Europea da Mobilidade rematarán o domingo 1 de outubro cunha andaina pola cidade para fomentar a mobilidade peonil. Será un percorrido que arrancará ás 10:30 horas da Alameda e que terá unha duración aproximada de dúas horas. Trátase de animar á veciñanza a "coñecer a cidade andando, e mostrar que as distancias en Santiago non son tan longas".

A Semana Europea da Mobilidade está impulsada pola Comisión Europea dende o ano 2000 e celébrase co obxectivo de promocionar a mobilidade sostible e o desenvolvemento de boas prácticas que contribúan a paliar os problemas derivados do aumento do tráfico nas cidades.

0 comentarios:

Publicar un comentario

Por favor deja tus comentarios